CITA

Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

19/03/2015
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

A exposición ‘Terra das Marabillas’ chega ao CITA

O CITA acolle a exposición ‘Terra das Marabillas’ ata o vindeiro 29 de marzo. Unha mostra que nace a partir do documental do mesmo nome, ‘Terra das Marabillas’, un traballo audiovisual no que a xornalista Ana Lois recolle o mundo máxico e mitolóxico da parroquia de Salcedo e que complementa en imaxes a monografía ‘Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’ do antropólogo Rafael Quintía.

Ovo de galo (imaxe de Tesouros do Tempo)

Imaxe de Tesouros do Tempo

Mitoloxía, a protección e a curación son os tres bloques temáticos dunha mostra coa que se pretende divulgar e poñer en valor a través de imaxes e obxectos a riqueza patrimonial da parroquia de Salcedo.

Seres míticos e animais marabillosos, amuletos ou técnicas de medicina tradicional expostos en sete vitrinas co acompañamento da proxección do documental.

A exposición estará aberta de mércores a domingo en horario de mañá e/ou tarde do seguinte xeito:

  • Xoves 19 de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 h.
  • Venres 20 de 11:00 a 14:00 horas
  • Sábado 21 * de 18:00 a 21:00 horas
  • Domingo 22 de 11:00 a 14.00 horas
  • Mércores 25 de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 h.
  • Xoves 26 de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 h.
  • Venres 27 de 18:00 a 21:00 horas.
  • Sábado 28 de 18:00 a 21:00 horas
  • Domingo 29 de 11:00 a 14.00 horas

* Ademais, o sábado 21 de marzo para todas as persoas que o desexen haberá unha visita guiada polo antropólogo Rafael Quintía. Será ás 12 horas.

24/02/2015
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

O CITA acolle as III Xornadas do Entroido da SAGA

Cartel XornadasA Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) celebra esta fin de semana no CITA as III Xornadas do Entroido da Galiza. O venres 27 será a apertura das mesmas, coa presentación por parte de Rafael Quintía das actas das II Xornadas. Tamén intervirán Xosé Fuentes, Héctor Salgado e Carlos Ares para falar respectivamente dos entroidos de Campañó, Laza e Viana do Bolo. O sábado será o momento de achegarse aos Entroidos de Marcón, coa presentación dun libro de Xosé Anxo Rosales sobre a Danza dos Labregos; Xenerais da Ulla, coñecendo da man de Etnoga unha nova unidade didáctica; Hío, con Xerardo Santomé; e A Limia, con Suso Fariñas. Como remate, actuación musical co violín de Carmen Gallego e a zanfona de César Loureiro. [Podes descargar o programa completo aquí]

Ademais, durante os dous días haberá unha exposición con visitas guiadas ás 17 horas a cargo de Miguel Losada.

Máis información no blog da SAGA e na programación do Entroido do Concello de Pontevedra.

06/02/2015
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

Pechado por mantemento

Ata o vindeiro día 17 de febreiro, o CITA estará pechado para acometer traballos de mantemento e conservación. Se desexas contactar con nós, podes deixar unha mensaxe no contestador do 986090677, ou enviar un correo ao enderezo cita@pontevedra.eu, e atenderémoste o antes posible.

Moitas grazas

05/11/2014
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

IV Aniversario do CITA

programa_anverso

No ano 2007, as obras de reforma urbana levadas a cabo na avenida de Santa María deixan á luz diversos restos arqueolóxicos entre os que se atopan os do antigo pazo arcebispal de Pontevedra. Desde o concello analízanse as diferentes posibilidades: estudar e cubrir os achados atopados ou construír un espazo para explicar as Torres e a historia da cidade desde as orixes romanas até o século XIX (cando se derruban os últimos restos do pazo).

Vista do foso do pazo arcebispal durante a escavación

Vista do foso do pazo arcebispal durante a escavación

Finalmente, decídese a conservación dos achados e realízase un pequeno Centro de Interpretación segundo o proxecto arquitectónico de Jesús Fole e o museístico do arqueólogo municipal Xoán Carlos Castro, cunha solución construtiva integrada nos restos arqueolóxicos (sobria, elegante, contemporánea e respectuosa co pasado: é como un edificio dentro doutro edificio). Audiovisuais, maquetas, vitrinas e espectaculares iluminacións acompañan ás persoas visitantes no seu percorrido desde o outono de 2010.

Alzado do proxecto

Alzado lateral do proxecto

Por isto, coincidindo co cuarto aniversario da apertura do CITA, preparamos un programa especial de actividades que comezará esta fin de semana.

  • Xornadas de portas abertas
    Visita gratuíta ao CITA
    Venres 7, sábado 8 e domingo 9 de novembro
    Horario de 11 a 14 e de 18 a 21 h, agás o domingo que será só de mañá

Coincidindo coa xornada de portas abertas haberá unha Exposición sobre Restauración e Conservación Arqueolóxica con paneis fotográficos cedidos pola Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia

  • Interpretación histórica de Pontevedra
    Actividade especial para alumnado do CS de Guía, Información e Asistencia Turística, en colaboración co CIFP Carlos Oroza
    Venres 7 ás 12:30 horas
  • Tesouros do tempo: Roteiro Pontevedra Arqueolóxica
    Visita guiada aos espazos arqueolóxicos da Ponte do Burgo e Santa María, e ao CITA
    Sábado 15 de novembro ás 11 horas
    Inscrición previa no CITA
    Prezo: 3 €
    Prazas limitadas. Máximo 30 persoas
  • Tesouros do tempo: Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro
    Domingo 16 de novembro ás 10 horas
    Saída en vehículos compartidos desde o estacionamento do Pazo da Cultura (rúa Alexandre Bóveda)
    Inscrición previa no CITA
    Prezo: 5 €
    Prazas limitadas. Máximo 30 persoas

16/09/2014
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

#AskACurator Day

askacuratorDesde o ano 2010 desenvólvese nas redes sociais dos museos de todo o mundo a actividade “Ask a curator” (pregunta ao conservador/a). Unha “reunión” virtual en twitter para preguntar ao persoal dos centros museísticos dúbidas ou curiosidades. E que mellor iniciativa para unirnos nesta nova etapa que vimos de comezar a través da conta @CITAPontevedra . Outro xeito de achegarse ao museo, virtualmente.

O 17 de setembro contestaremos desde o CITA a todas as preguntas que nos fagades a través desta rede social, podendo seguir o evento co hastag #AskACurator.

Veciñanza de Pontevedra e arredores, estudantes, visitantes do resto da provincia, turistas, profesionais ou, simplemente, persoas curiosas, preguntade! Estaremos á vosa disposición todo o día no twitter, e no propio centro de 11 a 14 horas.

Aquí podes ver os museos participantes.

02/07/2014
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

Obradoiros creativos sobre astronomía

O CITA funciona como un centro polivalente. Por iso, previo á celebración da Feira Franca, desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto catro obradoiros para nenos e nenas de 6 a 12 anos sobre a temática da festa deste ano: a astronomía.

A Asociación Fins desenvolve os seguintes obradoiros en horario de 10 a 12 horas, con inscrición previa no 986860587:

  1. O sol fonte de enerxía, días 15 e 21 de xullo.
  2. Os planetas do sistema solar, días 22, 28 e 29 de xullo.
  3. A beleza da lúa, días 4 e 5 de agosto.
  4. A maxia das estrelas, as constelacións, días 18, 19, 25 e 26 de agosto.

01/07/2014
por CITA Pontevedra
0 Comentarios

Un novo CITA

O pasado mes de xullo de 2014, o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra (CITA) comezou unha nova andaina. Se queres participar desta viaxe, podes visitar na travesía do Mestre Mateo número 1 (no contorno da praza de España, ao lado do Palacete das Mendonza). Senón, tamén podes seguirnos a través deste blog, onde informaremos sobre as principais novas relacionadas co centro. E lembra que tamén estamos presentes nas redes sociais twitter e facebook. Síguenos, e visítanos!

Exterior do CITA

Exterior do CITA

A %d blogueros les gusta esto: