CITA

Centro de Interpretación das Torres Arcebispais

Música e flashmob na programación polo Día dos Museos

Un ano máis, desde o Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra unímonos á celebración do Día Internacional dos Museos. Nesta edición de 2016, o tema escollido polo Consello Internacional de Museos (ICOM) é o de Museos e Paisaxes Culturais, un xeito de responsabilidade dos museos con respecto á paisaxe da que fan parte. A misión principal dos museos é velar sobre o patrimonio, dentro ou fóra dos seus muros. A súa vocación natural é de ampliar a súa misión e despregar as súas propias actividades no campo aberto do patrimonio cultural e da paisaxe que os rodea e da cal poden asumir a responsabilidade, en diversos graos. Resaltar o lazo existente entre os museos e o patrimonio cultural, é tamén facer xurdir a idea de museos como centro territorial dunha protección activa da paisaxe cultural.

A programación deste ano comeza o sábado 14 de maio coa celebración da Noite dos Museos e culminará o venres día 20.

Na xornada nocturna que abre o programa de actividades, O CITA abrirá as súas portas de 18:00 a 0:00 horas con entrada de balde e culminará co concerto de Jazz de SPJ Trío ás 22 horas con Dani Font á guitarra, Pablo Patiño no contrabaixo e David Puimena batería.

O mércores 18 de maio, Día Internacional dos Museos, o CITA contará coa colaboración de profesorado e alumnado de Turismo e Hostalaría do CIFP Carlos Oroza para dúas das súas actividades. O día iníciase con xornada de portas abertas gratuíta e en horario ininterrompido de 11:00 a 21:00 horas. Desde unha hora antes, e na Praza da Peregrina, desenvolverase un flashmob, isto é, un baile coreografiado para a ocasión buscando animar á cidadanía a participar e a visitar o centro. No remate da evento, ás 13:00 horas haberá unha torta conmemorativa no centro de interpretación.

O xoves 19 de maio, o alumnado de historia do IES A Xunqueira I parciparán ás 13 horas na actividade Conservación, o futuro do pasado. Unha visita especial dirixida por Fernando Carrera, especialista en conservación e restauración de obras arqueolóxicas e profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Finalmente, a clausura será o venres 20 de maio ás 20 horas coa actuación de varios grupos de cámara do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga.

Ademais, durante toda a semana (desde o sábado 14 ata o venres 20 de maio) estará proxectada no CITA a obra “Ecos de recuerdos olvidados”, de Sheila Broullón Dávila. Graduada en Belas Artes, a artista de Marín está cursando o Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual da Universidade de Vigo.

 

Comentarios cerrados

A %d blogueros les gusta esto: